Mapa sonoro de Braga

Visite aquí  o Mapa Sonoro de Braga. A experiencia dun visitante en Braga a través dos sons das súas rúas e lugares singulares. A vida dun investigador, Roi Méndez, visitante na Universidade do Minho a través da sonoridade da cidade. Un percorrido para facer cos ollos pechados, imaxinando os espazos que debuxan as ondas sonoras.

As gravacións foron realizadas entre o 15 de xuño e o 9 de xullo de 2023 a diferentes horas do día. En cada punto do mapa pode atoparse a gravación en formato vídeo de youtube xunto cunha breve descrición do espazo e da gravación, unhas pequenas indicacións do día e hora en que esta foi realizada e unha puntualización sobre se a gravación foi feita en estático (situando a gravadora nunha superficie da cidade) ou en movemento (camiñando a través do espazo).

Os sons foron capturados coa gravadora ZOOM H2N, un dispositivo que permite capturar son en 360º grazas aos seus catro micrófonos. O son foi procesado para poder ser desfrutado nun dispositivo doméstico a través da transformación do sinal en son binaural, que pode ser desfrutado polo oínte empregando uns auriculares tradicionais. Polo tanto, rógase ao oínte que empregue auriculares para gozar dunha experiencia completa do Mapa Sonoro de Braga.

Escoite aquí a presentación do Mapa Sonoro de Braga.

Música da presentación: Hino do S. João de Braga, Joaquim José Paiva.

Publicado o 28/07/2023

Gravacións e textos de: Roi Méndez*

*Doutor en Investigación en Tecnoloxías da Información pola Universidade de Santiago de Compostela é, actualmente, Profesor Axudante Doutor no Departamento de Ciencias da Comunicación da USC. Enxeñeiro Técnico en Informática de Sistemas pola USC e Máster en Computación pola Universitat Politècnica de Catalunya é investigador do Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA), centrando a súa investigación nos platós virtuais de televisión, nos usos da realidade virtual e aumentada e no papel das novas tecnoloxías dentro da comunicación.

LOCALIZAÇÃO

LOCAL: Braga

LATITUDE: 41.55121539999999

LONGITUDE: -8.429489199999999